Neste exemplo escolleron plantar un aguacate, pero ti podes facelo con calquera árbore.
Anímate!
A ÁRBORE DA PANDEMIA
O agrónomo e guía ambiental Emilio Bertoncini propuxo hai uns días plantar unha árbore para lembrar este momento que estamos a vivir. Como el sinalaba, a pandemia rematará e será recordada nos libros de historia durante moitas décadas, tanto polo que significou como polo cambio que suporá na nosa forma de vida.
Non se trata de plantar para esquecer, senón de transformar a memoria nun signo de esperanza e un xesto positivo cara o planeta. Unha árbore é unha forma de vida e deixará testemuño vivo durante décadas axudando a mellorar o ecosistema.
Propóñovos plantar un aguacate a partir do seu óso. Soamente deberemos seguir uns pasos moi sinxeliños:
- Partimos o aguacate á metade e retiramos o seu óso.
- Lavámolo moi ben.
- Collemos tres escarvadentes e cravámolos ata a metade no óso.
- Poñemos auga nun vaso.
- Colocamos o óso no vaso.
- No caso de ser necesario, podemos poñer máis auga.
- En 3 ou 4 semanas comezará a saír a raíz.
- Cando a raíz chegue aos 10 cm, retiramos o óso do vaso.
- Retiramos os escarvadentes do óso.
- Collemos unha maceta non moi grande e poñémoslle pedras no fondo para favorecer a drenaxe. Reenchemos a maceta con terra.
- Plantamos e regamos o óso. Colocarémolo de tal xeito que unha metade do óso estará dentro da terra e a outra fóra.
- Nun mes aproximadamente comezarán a saír as primeiras follas da nosa árbore
No hay comentarios:
Publicar un comentario